Fomento e a Xunta completan o cambio de sinais de 100 a 90 km/h
Por Oskar Viéitez
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, acudiu este luns a substitución do último sinal de tráfico de limitación de 100 quilómetros hora na provincia de Pontevedra dando cumprimento ao cambio do regulamento de estradas que fixa en 90 a velocidade máxima en estradas interurbanas. Estivo acompañada da directora provincial de Tráfico, Paula Yubero e o capitán do subsector de Tráfico da Garda Civil, Leovigildo Villar, na estrada N-640 de acceso ao porto de Vilagarcía.
Tamén o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou este luns o cambio das últimas sinais de 100 quilómetros por hora situadas nas estradas autonómicas de dobre vía sen mediana.
En concreto, o delegado territorial visitou a parroquia de Campañó en Pontevedra onde se cambiaron, ao longo da mañá estas sinalizacións que pasan de 100 a 90 quilómetros por hora entre a rotonda da PO-531 e a VG 4.8.
Maica Larriba xustificou esta medida para garantir unha maior seguridade nas estradas porque hai varios datos que avalan a velocidade como unha causa de accidentes e subliñou que "o 40 % dos accidentes mortais son por saída da vía e isto por exceso de velocidade e porque o 27% dos accidentes mortais son por choque frontal e isto é porque se entrou na curva con exceso de velocidade e ao saír ocúpase o carril contrario".
O pasado ano na provincia de Pontevedra foron 19 os falecidos en vías interurbanas.
En total, na provincia de Pontevedra a Xunta cambiou, seguindo o decreto da Dirección Xeral de Tráfico, 102 sinais, 79 na área norte e 23 na área sur, cun coste aproximado de 13.635 euros.
Deste xeito, a Xunta remata nesta provincia o cambio de sinalización de cara á entrada este martes en vigor desta nova redución da velocidade máxima en estradas convencionais. En Galicia, o cambio executouse sobre 448 sinais, cun custe global de 54.732 euros.
Este cambio normativo da DGT persegue a redución dos accidentes de gravidade, pero tamén modificará hábitos dos condutores e transportistas.