O Túnel do viño galego estrea a reforma do primeiro andar do Mercado de Abastos
Por Redacción
Numerosas persoas achegábanse este sábado ata o primeiro andar do Mercado de Abastos. Alí inaugurábase o espazo reformado cun acto organizado pola Asociación Galega de Viticultura.
Baixo o título de 'O Túnel do Viño' invitábase aos asistentes a probar viño do país coa presenza de máis de 120 caldos de todas as denominacións de orixe de Galicia.
Esta proposta estaba vencellada á xornada de debate que se desenvolvía no Pazo da Cultura na que se analizaba o futuro deste sector ante as decisións adoptadas pola Unión Europea de cara a 2030 e que pon en perigo a supervivencia desta actividade económica no caso das variedades e dos viños híbridos galegos ante a presenza de propostas máis homoxéneas procedentes de Europa e de Estados Unidos.