Sempre nos quedará... Vilagarcía
Por Diego Espiño
Recordando a mítica frase da película Casablanca, de Michael Curtiz, aos pontevedreses sempre nos quedará... Vilagarcía, ou Seixo, ou mesmo Vigo, pero o que é seguro, polo menos de momento, é que a cidade de Lérez ostenta dende este domingo a dubidosa honra de ser a única capital de provincia española sen salas de cine.
Cinebox Vialia bota oficialmente o peche para empezar dende o luns a desmantelar as instalacións antes de que a adxudicataria, Ábaco, teña que entregar as chaves a ADIF o próximo 14 de xuño.
A partir desa data outra empresa podería explotar as oito salas do complexo situado na estación de tren da cidade, pero as negociacións nese aspecto e o futuro dos 15 empregados dos cines seguen sendo unha incógnita, unha situación que fai que a moral dos empregados se resinta, como recoñece Isabel Soto exercendo de voceira dos seus compañeiros no último día de traballo cara ao público: "nosotros esperanza ya no tenemos, nuestra esperanza estaba hasta el día de hoy, se supone y se comenta que hay empresas interesadas pero con esas empresas con nostros no cuentan".
Rocío Pereira: "a maioría do persoal, 11 dos 15 traballadores, axudamos a montar o cine e queiras ou non aínda che doe moito máis"
Coa mesma tristura outra empregada, Orballo Pereira, resume o sentir do plantel: "estamos todos con moito pesar, e doloroso porque vemos que se pecha algo que tamén abrimos nós, a maioría do persoal, 11 dos 15 traballadores, axudamos a montar o cine, queiras ou non aínda che doe moito máis".
O público pontevedrés puido despedirse do cine nun último fin de semana no que moitos dos espectadores habituais quixeron achegarse ás instalacións. Todos eses asistentes puideron elixir entre 11 películas nunha carteleira composta por: El Gran Gatsby, Fast &Furious 6, Objetivo: la Casa Branca, La Gran Boda, Iron Man 3, Combustión, Jack el Cazagigantes, Oblivion, Scary Movie 5, Los Croods ou o filme que quedará rexistrado como o último en ser proxectado, R3sacón.
Mentres isto sucedía, os traballadores de Cinebox Vialia quixeron facer pública unha carta dirixida aos espectadores a xeito de despedida e agradecemento polo apoio recibido.
Relacionadas:
-
Pontevedra calma a súa sede de cine
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Bágoas ante o adeus aos cines de Vialia
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
Ábaco Cines ameaza con desmontar as salas de Vialia a partir do venres se ADIF non presenta unha oferta
Por Anxo Lourido |
-
Os traballadores dos cines de Vialia agardan aclarar o seu futuro na reunión co director de Ábaco
Por Redacción |
-
Os traballadores dos cines de Vialia buscan unha garantía de futuro a través dun ERE
Por Anxo Lourido |
-
O local dos cines de Vialia sairá a concurso público a partir do 14 de xuño
Por Redacción |