Vilaboa estrea as novas instalacións do Club de Piragüismo
Por Redacción
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, inauguraba este sábado as novas instalacións do Club de Piragüismo de Vilaboa. Trátase dunha das actuacións máis demandadas polos deportistas do municipio.
A Deputación investiu un total de 302.741 euros nesta obra que permite manter a actividade deportiva e lúdica dedicada ao mar en Vilaboa. Carmela Silva destacou o compromiso da Deputación para que os equipamentos deportivos formen parte moi importante da financiación que se poña a disposición dos concellos e dos clubs.
Ao acto asistiron tamén o deputado provincial de Cooperación, Carlos López Font; o alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro, ademais de concelleiros do goberno local e o presidente do Club Piragüismo Vilaboa, José Enrique Acuña.
A nova infraestrutura deportiva realizouse en dúas fases. A primeira contou cunha aportación de 150.000 euros por parte da Deputación e case 30.000 euros do Concello. A segunda fase excutouse cun investimento total de 152.741 euros e as obras consistiron nunha ampliación do espazo. Agora, nun novo andar creáronse un novo ximnasio e aseos.
O deseño deste edificio permite que persoas con diversidade funcional poidan practicar piragüismo, un deporte que conta cun amplo número de seguidores no municipio.