Un busto de Isaac Díaz Pardo marca o camiño da galeguidade empresarial ante Belas Artes
Por Redacción
"Estou tan afeito a perder que non sei que facer se un día gaño". Esta frase tan significativa e humilde de Isaac Díaz Pardo atópase baixo o busto que no mediodía deste sábado quedaba descuberto recreando a imaxe deste artista e empresario defensor dos valores esenciais de Galicia. A obra foi deseñada pola Escola de Canteiros de Poio.
Este acto, organizado polo Foro Enrique Peinador, desenvolvíase nos xardíns situados ante a facultade de Belas Artes con motivo do Día da Galeguidade empresarial. Ao evento asistiron familiares do intelectual e promotor da cerámica de Sargadelos, que amosaron o seu agradecemento por esta homenaxe ao escritor, artista e empresario galeguista.
O presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa; Santos Héctor, deputado provincial; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Silvia García, decana de Belas Artes; Xosé Díaz, fillo do homenaxeado; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; participaron neste acto ao que asistiron tamén diversos representantes das formacións políticas locais, colectivos sociais e culturais e a académica Fina Casalderrey.
Díaz Pardo no seu labor empresarial foi fundador de Edicións do Castro e de Cerámicas do Castro, ademais de exercer o cargo de director e administrador do Grupo Sargadelos. O secretario xeral de Política Lingüística indicaba que actualmente 250 empresas etiquetan en galego e o alcalde de Pontevedra explicaba no seu discurso a necesidade de fornecer a autoestima galega, xa que "podemos facer aínda máis", afirmou Fernández Lores.
A continuación, os asistentes achegáronse á exposición que ata o 22 de febreiro vai poderse visitar nunha das salas de exposicións da facultade de belas Artes con traballos relacionados coa figura de Isaac Díaz Pardo, desde escritos e debuxos a cerámica de Sargadelos.
A mostra, comisariada pola decana Silvia García, ten a particularidade de que está adaptada a persoas con dificultades visuais, que poderán tocar algunhas das pezas de cerámica.