Pontevedra é a provincia galega con máis Q de calidade turística
Por Redacción
"Somos a provincia galega con máis Q de calidade turística, superando o 40% de toda Galicia. Somos unha referencia en España. Para a Deputación é un día de festa porque revalidamos os tres distintivos que xa tiñamos e recibimos outros dous novos para Cangas e Caldas de Reis". Así se expresou na pasada noite a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, no transcurso do evento da Noite Q, organizada en Madrid polo Instituto para a Calidade Turística Española. Unha gala na que tamén participou a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.
A Deputación de Pontevedra renovou os distintivos para as oficinas do Palacete das Mendoza, do Mosteiro de Armenteira e do Aeroporto de Peinador e recibiu outros dous novos para as oficinas de Caldas de Reis e Cangas.
Carmela Silva resaltou ademais o alto grao de excelencia en calidade turística acadado, xa que, na auditoría para conseguir estas acreditacións, "de 10 puntos valoráronnos con 9,44, unha cualificación que case é imposible de superar. Somos, polo tanto, unha das provincias con máis valoración en todo o que ten que ver coa calidade, coa atención e coa xestión".
Na provincia de Pontevedra hai máis de 150 establecementos coa "Q" de calidade.