Catalina González abandona o PP e liderará Xuntos por Sanxenxo
Por Alejandro Espiño
O partido co que Catalina González presentarase ás próximas eleccións municipais, unha intención adiantada no seu día por PontevedraViva, xa ten nome: Xuntos por Sanxenxo.
A ex alcaldesa de Sanxenxo presentará en próximas semanas o seu novo partido pero, antes dese momento, formalizou o trámite de solicitar a súa baixa como afiliada do Partido Popular.
Nunha carta remitida ao presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, González asegura deixar "con pena" o partido co que foi alcaldesa entre 2006 e 2015, pero afirma que o fai "convencida" de que o seu deber é traballar polos veciños de Sanxenxo desde este novo proxecto político.
"Atrás quedan bos e malos momentos, como en calquera proxecto no que se participe", engade a ex alcaldesa popular, que subliña na súa misiva que "quedo coa boa xente" e cos amigos cos que traballou e "prefiro prescindir" dos malos momentos.
Estes últimos, sinala, "aínda que foron duros" serviron para "acrecentar" a súa experiencia e a súa aprendizaxe.
Nunha entrevista concedida a PontevedraViva o pasado mes de xuño, Catalina González adiantaba que "estamos a preparar un proxecto moi bonito e ilusionante que á xente vai gustar" e que o seu equipo estará formado "por persoas de todos os núcleos e pensaremos só en Sanxenxo".
Relacionadas:
-
Xuntos por Sanxenxo presenta a candidatura coa que debutará nas eleccións locais
Por Redacción |
-
Así é Xuntos por Sanxenxo, o partido da ex alcaldesa Catalina González
Por Oskar Viéitez |
-
Catalina González confirma o seu regreso: "Está decidido. Presentareime ás eleccións"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Catalina González sopesa regresar á política e encabezar unha candidatura independente
Por Alejandro Espiño |