Campolongo prepárase para acoller as novas oficinas da Dirección Xeral de Tráfico
Por Redacción
Os operarios levan desde novembro traballando nos baixos do edificio situado fronte ás instalacións deportivas militares de Campolongo, entre as rúas Luis Braille e Eduardo Blanco Amor, a poucos metros do edificio administrativo da Xunta de Galñicia. Trátase dun espazo en que se instalarán as novas oficinas da Dirección Xeral de Tráfico, que actualmente se encontran situadas na rúa Joaquín Costa.
Cun orzamento de 1.231.780 euros se están levando a cabo estas obras por parte da empresa Ogmios Proyecto, adxudicataria da intervención. Conta cun prazo de execución de seis meses e agárdase que antes do verán as novas instalacións estean preparadas para dar acubillo ás oficinas de atención ao público da DGT.
Ao longo destes días, os operarios están procedendo ao desentullo e á instalación das tubaxes de aire acondicionado destas oficinas.
As instalacións contan con 1.500 metros cadrados e se crearán adaptadas para persoas con mobilidade reducida, segundo se recollía no proxecto, xa que na actualidade as oficinas da DGT están situadas nun primeiro andar con problemas de accesibilidade e tamén de espazo para o correcto desenvolvemento das actividades diarias.
A Dirección Xeral de Tráfico licitara as obras en marzo de 2018. Ao concurso presentáranse 21 empresas pero o proceso viuse alterado por unha irregularidade na obtención de datos por parte de varias das aspirantes, o que conlevou un atraso en todo o procedemento administrativo.