Metralla instalará os módulos mixtos nas praias de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
A empresa, Despertando sociedade de xestión inmobiliaria e náutica S. L, coñecida como "Metralla", será a encargada da instalación dos módulos mixtos para 6 areais do municipio.
Un proxecto que saía a licitación por 132.000 euros, finalmente terá un custo de 119.656 euros, que serán financiados con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Nestes momentos algunhas das praias do termo municipal carecen de módulos de aseos que doten deste servizo ao areal. Ademais, hai outras que si os teñen, pero atópanse moi deteriorados, non só pola súa antigüidade, senón tamén polo uso intensivo que se lles dá durante a tempada estival. Na mesma situación atópanse os módulos de salvamento para socorristas.
Así, co obxectivo de mellorar a prestación de servizos públicos nas praias, redactouse e remitido á Deputación este proxecto que permita a instalación de módulos mixtos para socorristas e de aseos nos areais da Lanzada, Bascuas, Paxariñas, Canelas, Caneliñas e Silgar.
En canto ás súas características, serán módulos mixtos de 19 e 24 metros cadrados. Estarán divididos en dous espazos e contarán cunha parte reservada a salvamento, con todo o material e equipamentos necesarios e outra parte que será para os aseos. Nesta, haberá inodoros, lavabos, espellos, cambiadores de cueiros, entre outros elementos.