A Policía sorprende dous individuos roubando nunha vivenda
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Nacional detiveron dous individuos de 36 e 29 anos de idade, veciños desta capital, con antecedentes policiais, como presuntos autores dun roubo con forza nunha vivenda do rural de Pontevedra.
Os feitos sucederon na tarde do día 22 de xaneiro cando se recibiu unha chamada na sala do 091 alertando de que se estaba producindo un roubo nunha vivenda.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría de Pontevedra, ao chegar ao lugar a patrulla policial saltou o valo perimetral da leira onde se sitúa a vivenda e unha vez dentro observaron que un enreixado metálico pechado cun cadeado estaba forzada, do mesmo xeito que a porta de madeira que dá acceso ao interior da vivenda.
Unha vez no interior observaron que todo estaba revolto, cos caixóns abertos e diversos obxectos no chan.
Na cociña atoparon aos dous individuos que ao ser sorprendidos polos axentes trataron de fuxir. Un dos cacos foi detido nese momento pero o seu colega logrou escapar sendo descuberto máis tarde agochado nunhas oficinas dunha empresa lindeira.
Os axentes detivéronos por un roubo con forza e trasladáronos á comisaría provincial onde se elaborou o correspondente atestado policial.