Tres anos de prisión para un ladrón con decenas de antecedentes que desvalixou o edificio sindical de Pontevedra
Por Natalia Puga
O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra condenará coa súa conformidade a un ladrón que en xuño do ano 2017 roubou en varias dependencias do edificio sindical da rúa Pasantería causando importantes desfeitas nos accesos e o interior das oficinas.
O home recoñeceu os feitos e chegou a un acordo de conformidade polo que deberá cumprir tres anos de prisión como autor dun delito continuado de roubo, ao considerarse que cada aquel 6 de xuño de 2017 cando entrou no edificio sindical non cometeu un só roubo, senón varios, un por cada unha das dependencias dos distintos sindicatos. Cada central ten unha sede diferente e presentou denuncia por separado, de modo que non foi un só delito, senón un continuado, segundo confirmaron fontes xudiciais.
A Fiscalía solicitaba inicialmente que o home fose condenado a cinco anos de prisión, pero finalmente reduciuse a tres anos ao apreciarse que no seu caso concorre a circunstancia atenuante da responsabilidade criminal de drogadicción pola súa adicción ás drogas no momento en que cometeu o delito.
O acusado non estivo presente na vista celebrada nos xulgados da Parda, senón que declarou por videoconferencia desde o centro penal de Villabona, en Asturias, onde cumpre condena por outros delitos. En total, no seu historial figuran 53 antecedentes penais, segundo transcendeu este xoves.
O xuíz ditará sentenza condenatoria que as partes se han comprometido a non recorrer.