Ponte Caldelas contratará 16 persoas con axudas da Deputación e da Xunta
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas está a presentar estes días as solicitudes para acceder ás subvencións públicas, ao abeiro das convocatorias de axudas da Deputación de Pontevedra e da Consellería de Economía e Emprego, que permitan a contratación dos traballadores que incorporará temporalmente a diversos servizos municipais.
Se abonarán as retribucións correspondentes ao convenio dos distintos sectores aplicables, en función da tipoloxía das funcións a desenvolver en cada caso.
Ao Plan de Emprego da Deputación xa se solicitaron 10 persoas. O primeiro grupo está composto polos 5 traballadores que se destinarán á roza e mantemento de espazos públicos (30 horas semanais durante 8 meses), os catro que se dedicarán á reparación e mantemento das infraestruturas municipais (30 horas semanais e 8 meses) e, finalmente, un traballador para limpeza viaria e doutros espazos públicos (35 horas semanais e 8 meses).
O Concello de Ponte Caldelas concorrerá tamén ás tres liñas de subvencións que vén de sacar a Consellería de Economía, Emprego e Industria. Así, dentro do programa Aprol Rural, para fomento do emprego no medio rural, solicitará un administrativo e un peón forestal que prestarán servizo durante 9 meses a xornada completa. Tamén un mínimo de dúas persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) (75% da xornada laboral durante 9 meses) e, finalmente, dentro do programa de Mellora da Empregabilidade, dous socorristas para atender a praia da Calzada durante un período de 3 meses.
Tódalas prazas serán cubertas con convocatoria pública e previa acreditación dos requisitos esixidos.