Lasaña de mexillóns gourmet Pescamar
Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos cociñar unha receita tradicional italiana, coa que imos aproveitar todos os beneficios dun dos moluscos máis importantes das nosas Rías: o mexillón.
Os Mexillóns Pescamar son un produto natural altamente nutritivo, grazas á súa achega en ferro, fósforo, vitamina B12 e omega 3. O seu baixo contido en graxas e alta porcentaxe de proteínas, convértenos nunha perfecta alternativa ás carnes vermellas en dietas saudables e de control de peso.
Esta receita ofrécenola o FROM, o organismo do Ministerio de Agricultura e Pesca encargado de regular o mercado dos produtos do mar. A través da súa páxina web, tamén nos lembra que "todas as elaboracións de peixe enlatado son moi aconsellables desde o punto de vista nutritivo".
Para preparar esta saborosa Lasaña de mexillóns gourmet Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:
• Para a bechamel:
- 1/2 l de leite
- 70 g de manteiga
- 70 g de fariña
- sal e pementa branca
- noz moscada
• Para o recheo:
- 2 latas de mexillóns das Rías en escabeche con aceite de oliva gourmet Pescamar
- 2 porros
- nata líquida
- 2 cenorias
- 3 cebolas
- 300 g de xamón serrano
- 1 pemento vermello
- queixo parmesano
- viño branco
- 1 tomate natural
- 2 paquetes de obleas de pasta
- 750 g de salsa de tomate
Preparación:
Cocemos as obleas de pasta en auga con sal e manteiga. Unha vez cocidas as follas, reservámolas en auga fría cun pouco de aceite.
Preparamos a bechamel mesturando a manteiga, a fariña e o leite. Cocemos a mestura a lume lento e remexemos ata conseguir unha salsa cremosa. A continuación, engadimos sal, pementa e noz moscada, ao gusto.
Para o recheo, refogamos todas as hortalizas cortadas moi finas, engadimos o xamón serrano en tiras e os mexillóns das Rías en escabeche con aceite de oliva gourmet Pescamar.
Reducimos cun chorro de viño branco e nata líquida, e traballamos a mestura cun pouco de bechamel.
Para montar a lasaña, poñemos na base do prato un pouco de salsa de tomate, e dispoñemos por capas: oblea, recheo e así sucesivamente ata 3 pisos.
Finalizamos coa última oblea e cubrimos con bechamel e queixo. Gratinamos ao forno.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.