Este venres 25 de xaneiro comezan as actividades que para a presente edición inclúe o programa Noites Abertas. Unha proposta que comezou a desenvolverse fai vinte anos. Daquela ofrecía aos mozos e adolescentes de entre doce e trinta anos ata trece propostas de lecer alternativo. Actualmente son case cen.
Charlamos nas Conversas na Ferrería con organizadores e monitores: Nacho Márquez, director de Noites Abertas; Mirian Viñas, coordinadora; e Sandra Prado, Vicky Estévez e Adrián Cubela. Noites Abertas expón un lecer construtivo, "un programa de educación en valores" - sinala Mirian -, e que pasa pola propia implicación dos monitores das actividades en cuestións como a inclusión ou a diversidade. Este ano son un total de 161 monitores, que mesmo - como xorde na charla de PontevedraViva Radio -, "algúns teñen xa o seu público que repite na súa actividade un ano tras outro", o cal consecuentemente tamén lles obriga a "reciclar" a súa proposta.
O maior número de asistentes a Noites Abertas está entre os dieciseis e os vinte e cinco anos. Anualmente no case catro meses que dura o programa, a media de participantes rolda as cinco mil persoas. Adrián sinala outro valor de Noites e é que estes mozos e adolescentes "escollen en liberdade o que lles apetece facer" no seu tempo libre e respecto diso, Nacho engade que "máis que un programa é unha plataforma para os mozos".
Quidditch, slime party, goalball, loita escénica, rutas polo cemiterio de San Mauro, cociña, iniciación á batería, lettering, west coast swing, conversacións en xaponés, estampado de bolsas shibori, creación de imaxes con haikus ilustrados, kenpo, videomapping, risondanza, poema zen con zentangle, etc ... Abert@s a probar?