A Deputación rexeita entregar ao PP a acta da inspección laboral aos bolseiros por confidencialidade
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra esgrimiu a protección de datos de carácter persoal para non entregar ao Partido Popular a acta da Inspección laboral aos bolseiros. O portavoz do PP, Ángel Moldes cre que o feito de que se estea "ocultando" esta información, failles pensar que as denuncias dos sindicatos sobre a existencia dunha situación irregular "son reais".
O Goberno provincial da Deputación de Pontevedra divulgou o informe do secretario xeral desta administración que conclúe que non pode facilitar ao Partido Popular a acta da Inspección laboral sobre a situación dos bolseiros que están a desenvolver a súa actividade nos diferentes servizos da institución provincial.
Este informe foi comunicado ao PP mediante un oficio do deputado delegado de Economía, Facenda e Réximen Interior, Carlos Font no que contestaba á solicitude de copia presentada polo portavoz do grupo provincial do PP, Ángel Moldes.
O informe do secretario argumenta que as citadas actas "conteñen datos de carácter persoal que deberán ser especialmente protexidos por esta Corporación". E engade que prevalece neste caso, o dereito á protección destes datos de carácter persoal sobre o dereito de transparencia e o dereito de acceso á información por parte dos deputados.
Ademais o secretario da Deputación entende que a utilización destes datos para unha finalidade non compatible co procedemento administrativo interno "vulnera os dereitos legalmente protexidos", motivo polo cal, "para garantir a confidencialidade ou o segredo requirido nos procesos de toma de decisión, é polo que o dereito de acceso á información está limitado".
Tras un recurso por parte dos populares a Presidencia emitiu unha resolución na que, xunto aos argumentos antes citados, o secretario engade que o requirimento da Inspección de traballo esta sendo "obxecto de análise e estudo" para decidir a actuación administrativa e no seu caso procesual a seguir, polo que "dar publicidade nestes momentos prexudica os intereses da Deputación e no seu caso o de terceiros" e engade que é por iso que require "alto grao de confidencialidade" neste proceso de toma de decisións.
Ángel Moldes sinala que "esta falta absoluta de transparencia fainos pensar que moi mal estiveron a facerse as cousas na Deputación en materia de emprego e formación durante este mandato para querer ocultar esta información custe o que custe".
Para os populares dicir que a acta contén datos persoais, "son escusas para seguir ocultando" toda a información relacionada cos bolseiros.
Ademais, Moldes lembra que "os deputados xa estamos obrigados a gardar absoluta reserva sobre todas as informacións das que temos coñecemento pola nosa condición de deputados, como así facemos xa cando recibimos os expedientes incluídos nas ordes do día dos órganos colexiados nos que participamos".
Relacionadas:
-
Un xulgado de Pontevedra converte a 38 ex bolseiros da Deputación en persoal laboral
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide no pleno da Deputación que Carmela Silva explique o suposto "enchufe" da súa cuñada
Por Oskar Viéitez |
-
CC.OO. anima os bolseiros da Deputación a demandar canto antes por irregularidades no contrato de prácticas
Por Anxo Lourido |
-
CCOO denuncia irregularidades na contratación de bolseiros na Deputación e Carmela Silva négao
Por Diego Espiño |