Proxectan recuperar o monte Xesteiras como zona de voo para parapente
Por Alejandro Espiño
Practicar parapente desde o alto do monte Xesteiras será posible moi pronto. La Térmica, un club sen ánimo de lucro con sede en Cerdedo, prevé arranxar o acceso á cima para recuperar unha zona de voo clásica e única na comarca.
O proxecto, que conta co apoio do Concello de Cuntis, quere recuperar esta actividade nunha zona que, segundo os responsables do club, ten unhas características propicias para o voo invernal que non existen en ningunha outra zona.
Así, entenden que as condicións para a aterraxe son "excepcionais" e permiten que sexa unha zona "ideal" para a aprendizaxe desta práctica deportiva e para outras actividades similares como o ala delta.
O club, que integran corenta socios de toda Galicia, agradeceu enormemente a disposición e bo recibimento por parte da Alcaldía de Cuntis.
O alcalde, Manuel Campos, cualificou a actividade como "moi interesante", non só polas labores de arranxo e mantemento dos accesos e zonas de voo, despegue e aterraxe que se levarían a cabo, senón como foco de desenvolvemento e dinamizador turístico do Concello.