O Concello de Moraña contratará este ano a 22 persoas
Por Redacción
O Concello de Moraña vai contratar un total de 22 persoas, ao abeiro das axudas rexionais e provinciais, para os departamentos de obras públicas, limpeza, extinción de lumes forestais, Servizos Sociais e outras labores municipais.
O goberno local xa cursou a primeira solicitude, ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, que permitirá contratar a oito persoas distribuídas entre peóns de limpeza (3), peóns de obras (2), axudante de canteiría (1), peón tractorista (1) e auxiliar administrativo (1).
As persoas interesadas nestas prazas, que reforzarán a atención aos veciños, deben estar inscritas no Servizo Público de Emprego e nas vindeiras semanas realizarase o proceso de selección para proceder á súa contratación no mes de marzo. Maioritariamente desempeñarán estas funcións durante case dez meses ata que remate o ano.
A maiores, o Concello xa ten preparadas novas solicitudes de plans de emprego, que se cursarán ante a Xunta nas vindeiras semanas e que permitirán contratar a catro persoas para traballar de peóns forestais no marco do plan Aprol Rural, a dúas beneficiarias do Risga que se adicarán a tarefas de limpeza e a un sétimo que exercerá de socorrista na piscina municipal durante a tempada estival de baño.
Por outra banda, tamén se pretende contratar a dúas persoas máis, cuxos soldos se financiarán con fondos da Deputación provincial, para o Departamento de Servizos Sociais, que é unha das áreas prioritarias do executivo local. Así, haberá un educador social e un administrativo para tarefas burocráticas.
Finalmente, estes plans completaranse, xa no verán, coa conformación dunha brigada de extinción de lumes forestais, que acollerá a cinco persoas e cuxa creación formará parte do habitual convenio coa Xunta para estes traballos.