Queda deserta a adxudicación da cafetería da Praza da Liberdade
Por Alejandro Espiño
A reapertura da cafetería da Praza da Liberdade terá que esperar. A única oferta presentada para xestionar as instalacións, a dun empresario de Soutomaior, foi desestimada. O concurso, segundo informou o Concello, quedou deserto.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, explicou que a oferta non cumpría cos requisitos mínimos esixidos neste procedemento e, ademais, a proposta técnica incluía aspectos que logo non aparecían na oferta económica.
O Concello activará agora un procedemento negociado ao que convidarán a esta empresa e a outras dúas do sector para poder adxudicar a xestión da cafetería de maneira directa.
No caso de que volva quedar deserto, a administración volvería iniciar o procedemento desde o principio.
O contrato de explotación proposto polos técnicos do Concello incluía un prazo de concesión de quince anos -coa posibilidade dunha prórroga por tres máis- e o pago dun canon mínimo de 12.000 euros anuais.
As instalacións necesitan unha reforma porque presenta diversas deficiencias. Segundo un informe do Concello, necesítase un investimento de 100.664,03 euros, que terían que ser asumidos polos licitadores, coa liberdade de adoptar as solucións técnicas e estéticas que consideren adecuadas, sen cambiar a estrutura da cafetería.
A instalación dispón de 139,5 metros cadrados construídos e ten a posibilidade de instalar terrazas nas traseiras (157 metros cadrados) e na parte dianteira cara á Audiencia (46,7 metros cadrados).
Relacionadas:
-
A cafetería da Praza da Liberdade será reformada para acoller un local social que xestionará a Federación Castelao
Por Oskar Viéitez |
-
A zona cero da praza da Liberdade segue a deteriorarse á espera da reapertura da súa cafetería
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Concello prevé contratar unha empresa para xestionar a cafetería da Praza da Liberdade
Por Alejandro Espiño |
-
Unha soa empresa opta a reabrir a cafetería da praza da Liberdade
Por Natalia Puga |
-
Amplían o prazo para presentar ofertas á concesión da cafetería da Praza da Liberdade
Por Redacción |
-
Novo intento para abrir a cafetería da Praza da Liberdade: propoñen contrato a 15 anos
Por Alejandro Espiño |