O Concello acomete a mellora de fontes, cunetas e canalizacións en Viascón
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade está a acometer na parroquia de Viascón a mellora de fontes e a construción e limpeza de cunetas e canalizacións de augas co obxectivo de evitar a afección das choivas á rede viaria e aos demais servizos nunha zona caracterizada polo forte desnivel da meirande parte dos seus núcleos.
Estas actuacións enmárcanse no Plan Parroquial, que leva desenvolvéndose dende o pasado mes de novembro e que suporá un investimento na zona duns 400.000 euros en apenas ano e medio.
O presidente municipal, Jorge Cubela, achegouse ata o lugar de O Mallo para visitar as obras de posta en valor, limpeza e restauración da Fonte do Casal e tamén da construción dun acceso axeitado para a mesma cunha soleira con base de áridos e mallazo metálico, un firme en formigón e un entubamento de saída. Ademais, tamén estivo a percorrer gran parte desta aldea, na que se crearon novas canalizacións laterais en formigón para evitar a escorrentía das augas.
"Cremos que con estas obras hidráulicas e labores de limpeza damos cumprida resposta ás necesidades dos lugares de O Mallo, Cuiñas, A Costiña e A Bouza e imos evitar que a auga afecte ás pistas e á circulación e tamén que poida chegar a vivendas ou fincas", detallou Cubela, que amosou a súa satisfacción polo avance, a moi bo ritmo, do Plan Parroquial de Viascón.
MÁIS OBRAS DO PLAN PARROQUIAL
Nos últimos meses acometeuse o saneamento de Cuiñas, A Costa e A Bouza, as acometidas da estrada cara Camiño Novo, o acceso peonil á igrexa, a construción de muros de contención de seguridade en vías de Cuiñas e Camiño Novo, a consecución dunha partida de 12.000 euros para abastecemento de augas en Cabanelas e a construción do novo parque infantil.
En todo caso, Cubela adiantou que o plan parroquial aínda non está rematado, xa que nos vindeiros meses está previsto que se complete coa reforma e acondicionamento da planta baixa da súa Casa do Pobo cunha partida de 30.000 euros e coa execución de diversas melloras na súa rede viaria cun investimento de 100.000 euros.