Ponte Caldelas adxudica o asfaltado de 13 quilómetros de camiños rurais por 312.000 euros
Por Redacción
O maior contrato de obras no rural da historia de Ponte Caldelas vén de ser adxudicado estes días polo Concello. Nas próximas semanas comezará o asfaltado de máis de 13 quilómetros de camiños rurais que comunican ducias de vivendas. O contrato, dividido en 5 lotes, comezará a executarse nas próximas semanas e vai supoñer un importante avance no mantemento das infraestruturas dos núcleos rurais caldeláns.
O Concello xa conta con proposta de adxudicación de dous dos lotes á empresa Nexia e, nos próximos días, resolverá os tres restantes unha vez que esta mesma empresa presente a documentación requirida para xustificar ás baixas nas súas ofertas. Á licitación, cun prezo de saída de 311.454 euros, presentáronse un total de 10 empresas.
Ao tempo, o Concello xa abriu o prazo de presentación de ofertas para outro contrato, valorado en case 100.000 euros, para asfaltar outros 4,5 quilómetros de camiños que garanten a mobilidade nos núcleos rurais.
O Goberno local subliña que leva meses traballando na licitación destas obras, que, ademais dos sempre complexos trámites administrativos para a súa adxudicación, inclúen a petición a distintos órganos da Xunta de Galicia pola afección a regatos, encontros con estradas autonómicas ou afeccións patrimoniais. Superados todos estes pasos estímase que a totalidade das obras estará concluída cara o mes de marzo.
Os camiños que van ser reparados nesta primeira fase de obras vaise beneficiar directamente a veciñanza dos lugares de Silvoso de Arriba, Silvoso de Abaixo, Baltar, Coveliño, Forzáns de Arriba, Forzáns de Abaixo, O Coto (Caritel), Laxoso de Abaixo, O Lombo (Cuñas), Avecil (Cuñas), Santa Ana (Buchabade), Taboadelo e, finalmente, outro camiño de Rebordelo. En tódolos casos trátase de vías municipais que acumulan anos de abandono e que non foron obxecto dun adecuado mantemento dende a súa apertura.
A segunda fase de actuacións, que se financia con cargo ao Plan Concellos 2019, iniciou a súa andaina administrativa xa coa presentación de ofertas aberta. Unha vez adxudicados os lotes, o Concello poderá actuar nos camiños da Esfarrapada, Pazos, Taboadelo, Tourón e O Sobreiro (Xustáns).