O goberno local adxudica a pavimentación de viais en Noalla e Vilalonga
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Sanxenxo adxudicou este luns a pavimentación dos viarios de Piñeiros e Freixo en Vilalonga, e os de Tombelo e Pontes, na parroquia de Noalla.
As empresas Caldevergazo e Nexia Infraestruturas, serán as encargadas da mellora destes viarios municipais.
Estas actuacións irán con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, cun orzamento que ascende a 79.000 euros.
Os traballos consisten na apertura e recheo de gabias, roza e limpeza de cunetas e marxes, a dotación da capa de zahorra e a mestura bituminosa en quente. Por último, poñeranse en cota as tapas das pozas de rexistro e instalarase a sinalización necesaria.
Previa á aprobación do proxecto, foi necesario obter autorizacións sectoriais da Axencia Galega de Infraestruturas, da Consellería de Medio Ambiente e do Instituto de Estudos do Territorio.