Ponte Caldelas anuncia man dura na aplicación da ordenanza municipal de coidado dos espazos públicos
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas anuncia que valorará aplicar con máis rigor a ordenanza municipal de coidado dos espazos públicos que xa prohibe dende o ano pasado a instalación de carteis e avisos nos bens no mobiliario público e nas propiedades municipais.
O Goberno local realizou este anuncio este luns ao tempo que aseguraba que xa estaba rematada a instalación de 120 paneis informativos nas zonas rurais do obxectivo de evitar o pegado indiscriminado de carteis en marquesiñas, colectores de lixo ou postes dos servizos de iluminación, eléctricos ou de telefonía.
Trátase dos bautizados como Puntos de Información Veciñal (PIV), que perseguen o obxectivo de loitar contra o 'feísmo'. O proxecto para a súa instalación leva en marcha un ano, pero os carteis físicos non puideron ser colocados ata agora pola sobrecarga de traballo na brigada de obras municipais, segundo explicou o Concello a través dun comunicado.
Os lugares de instalación dos paneis fíxose conxugando a centralidade e a visibilidade co respecto aos elementos etnográficos e patrimoniais, evitando que poidan producir impactos estéticos non desexados. Aínda que se trata de elementos moi neutros, se se detecta algún caso de incorrecta situación será corrixido de inmediato.
O Concello permite a libre fixación de carteis de festas ou eventos, convocatorias, avisos ou esquelas. Tan só impón a limitación de aqueles con contidos pouco apropiados. Ademais, tamén está vetada a utilización dos PIV para fins publicitarios.
O equipo de goberno destaca que ao longo do ano organízanse no municipio numerosas actividades e moita xente, especialmente no rural, atopará neste soporte unha forma sinxela e accesible para manterse informada.