A fábrica de Ence reduciu nun 40% os minutos de cheiro diarios con respecto a 2017
Por Oskar Viéitez
A fábrica de Ence en Pontevedra aumentou a súa eficiencia en 2018 o que lle levou a incrementar a súa produción ata as 437.505 toneladas de celulosa, case 3.000 máis que en 2017. Así mesmo, o pasado exercicio a planta de Lourizán rexistrou a súa máxima produción diaria, que quedou establecida en 1.371 toneladas.
A Dirección da compañía sinala que durante o pasado ano a fábrica de Lourizán reduciu nun 40% os minutos de cheiro diarios con respecto a 2017. De igual modo, logrou que o consumo de auga diminuíse nun 4% con respecto ao ano anterior.
Segundo informou a compañía pasteira, durante a parada técnica de 2018, a fábrica de Lourizán levou a cabo diversos traballos de mellora das súas instalacións que lle permitiron potenciar a súa eficiencia e seguir optimizando o seu comportamento ambiental, "co que se consolida como un dos máis avanzados centros de produción de celulosa de eucalipto de Europa", xunto á fábrica de Ence en Navia.
Ence Pontevedra tamén xerou en 2018 un total de 238.981 MWh de enerxía renovable, procedentes do aproveitamento da biomasa do proceso de produción de celulosa, así como da lignina que se extrae no devandito proceso e que constitúe un excelente biocombustible renovable, autóctono e natural.