Acordoan un foxo localizado sen tapar nin sinalizar nun monte de Poio
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio acordoou con fins preventivos a contorna dun foxo localizado sen ningún tipo de medida de seguridade nin sinalización nun monte da parroquia de San Salvador de Poio, nunha zona próxima a varias vivendas.
A alarma cidadá suscitada tras a tráxica caída do neno Julen a un pozo de gran profundidade sen tapar nun monte de Málaga sensibilizou á poboación, como se pode comprobar ante o feito de que foi un veciño o que localizou o foxo e alertou á Policía Local.
A Policía Local desprazouse á zona e comprobou que ten uns tres metros de profundidade e 60 centímetros de diámetro, de modo que decidiu tomar medidas. Ademais de acordoar a zona de forma preventiva para que sexa visible para os viandantes, iniciouse unha investigación para localizar ao propietario da leira co fin de que proceda ao peche do buraco.
No caso de que se dificulte a localización, o Concello tomará as medidas oportunas para garantir a seguridade da zona.
A Policía decidiu non facilitar datos do lugar exacto para non atraer aos veciños que poidan sentir curiosidade, pero si indican que está na parroquia de San Salvador nunha zona moi próxima á poboación.