Cerdedo-Cotobade mellora a súa oferta turística co acondicionamento de roteiros de Rede Natura
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade realizou unha importante actuación que supón melloras en materia ambiental e turística co acondicionamento e sinalización dos roteiros Cabenca-Cavadosa e da Neveira do Seixo, ambos situados en zonas recoñecidas como Rede Natura.
A actuación supuxo un investimento de máis de 20.000 euros procedente dunha axuda da Xunta de Galicia para a restauración, preservación e mellora de biodiversidade destes espazos.
O roteiro da Neveira do Seixo, de gran valor patrimonial xa que o concello conforma xunto a Forcarei a microrrexión con máis neveiras de Galicia, mantén na actualidade o acceso ao vestixio a través da súa calzada empedrada orixinal e procedeuse a mellorar e acondicionar toda a contorna para a súa posta en valor e para facilitar as visitas.
O enclave, situado na parroquia cotobadesa de Caroi, viuse beneficiado da colocación de paneis verticais, balizamento e sinalización, a reparación de pasarelas de madeira, a limpeza e acondicionamento das ruínas da neveira co arranxo dunha superficie duns 2.500 metros cadrados, a retirada de postes vellos, a construción dun novo peche perimetral para favorecer a súa contemplación con seguridade, a realización dun levantamento topográfico e planimétrico do vestixio e a elaboración dun folleto informativo a modo de guía de man.
O roteiro cerdedense de Cabenca-Cavadosa, que é circular e ten unha lonxitude de 13.200 metros, presentaba algúns problemas de seguridade, de interpretación e de estética. Para corrixilos, o Concello desenvolveu unha actuación consistente na instalación de sinalización axeitada, a impresión dun novo mapa-roteiro en madeira, a renovación de cancelos de madeira en importantes puntos, como muíños, pontes ou zonas de ascenso, e a elaboración dun novo material informativo de man.