O comedor de San Francisco recibe 350 quilos de alimentos recollidos por Novas Xeracións
Por Redacción
A campaña de recollida solidaria de alimentos que puxeron en marcha durante a primeira quincena de xaneiro os integrantes o grupo local de Novas Xeracións do Partido Popular permitiulles recadar 350 quilos de comida que esta fin de semana xa foron entregados ao comedor de San Francisco.
O presidente local de Novas Xeracións, Guillermo Juncal, explicou que esta iniciativa responde a que desde este colectivo de mozos querían "achegar o noso gran de area" ao comedor de San Francisco, como entidade que desenvolve unha "labor encomiable" coas persoas máis desfavorecidas da cidade.
Segundo Juncal, esta recollida de alimentos non perecedoiros foi posible grazas á colaboración dos afiliados e simpatizantes da agrupación, que se achegaron á sede local do Partido Popular de Pontevedra para entregar alimentos durante as dúas semanas que durou a campaña. Ademais, agradece a "importante achega de alimentos realizada" pola empresa supermercados Gadis.
O líder local dos mozos do PP anunciou que esta foi a primeira campaña solidaria de Novas Xeracións, pero seguiranlle outras moitas durante este ano 2019, pois a súa intención é "mostrar o noso compromiso coas persoas que máis o necesitan".