VÍDEO.- Os bombeiros apagan un lume orixinado nun curtocircuíto dun cadro eléctrico da rúa Oliva
Por Diego Torrado & Redacción
Dúas dotacións do Parque de Bombeiros de Pontevedra interviñan ao redor das 16.50 horas no exterior do inmoble número 27 da rúa Oliva nun incendio que se orixinara no cadro eléctrico situado na fachada do edificio.
Segundo informaron desde o servizo de Bombeiros, o 112 Galicia trasladoulles o aviso dun particular que comprobara como se escoitaban estoupidos nese punto. Os bombeiros desprazáronse en dous camións ata este edificio, situado xunto ao novo supermercado desta rúa. A fachada do inmoble atópase cuberta por un andamio cun plástico azul.
Os bombeiros subiron ata o andar en que se atopaba o cadro de electricidade onde se tiña rexistrado un curtocircuíto. Segundo os veciños da zona, durante as últimas horas operarios que realizan traballos no inmoble limpiaran con auga a fachada. Os chispazos provocaron que se fora derritindo o plástico que cubría o andamio e orixinaba os estoupidos que chamaron a atención de numerosos viandantes que se atopaban pola zona durante a tarde deste venres.
Os bombeiros evitaron que o incendio se propagase e curtaron os cables que estaban provocando o incidente. A continuación, efectivos da empresa eléctrica achegábanse ata a rúa para reparar a avaría no cadro. Comerciantes da zona sinalaron que algún dos establecementos desa contorna xa sufriran problemas coa instalación eléctrica durante a mañá.
Durante a intervención dos bombeiros foi necesario curtar o tráfico na rúa García Camba. Ata o lugar tamén desprazáronse efectivos da Policía Nacional e da Policía Local. Non se rexistraron danos persoais.