Moraña mellorará a conexión entre Soar e Cosoirado
Por Redacción
O Concello de Moraña vai efectuar unha completa remodelación da pista municipal que une a aldea de Soar, na parroquia de San Lourenzo, e Cosoirado e xa ten listo o proxecto de mellora, que contempla a dotación dunha nova pavimentación e a construción de cunetas nos seus 480 metros de lonxitude.
Esta pista, que pode ter unha gran importancia para favorecer a conectividade da zona sudoeste do municipio, atópase actualmente en terra compacta e pedras, o que provoca que a circulación non sexa a máis axeitada.
Por iso, prevese dotar á mesma dunha moderna pavimentación ao tempo que se constrúen cunetas para evitar que a escorrentía das augas da choiva afecte no futuro ao estado do vial.
Esta actuación conta cun orzamento de 57.560 euros, que permitirá acometer esta obra e tamén mellorar a calzada e os laterais dun treito de pista de 277 metros en Cartamil e outro de 185 metros en Barro, ambas aldeas da parroquia de Amil.
O proxecto está pendente da súa aprobación para ser incorporado ao Plan Concellos que financia a Deputación de Pontevedra.