O Concello contrata á Fundación Xoan XXIII para limpiar a broza do polígono da Reigosa
Por Redacción
Mellorar a imaxe das rúas e espazos de competencia municipal no parque industrial da Reigosa e colaborar á inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual é o obxectivo do acordo que o Concello de Ponte Caldelas vén de alcanzar coa Fundación Xoán XXIII.
Unha brigada de operarios da sección de Xardinería deste Centro Especial de Emprego realiza esta semana labores de corta e limpeza da broza das rúas, rotondas e o aparcamento do polígono. Uns traballos que, a maiores, inclúen unha franxa dun metro dentro das parcelas sen ocupar para impedir que as malas herbas invadan as beirarrúas.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) incrementa así a aposta pola colaboración coa Fundación Xoán XXIII, que xa viña ocupándose da xardinería do colexio da Reigosa. Agora realizará tres pasadas ao ano no parque industrial para mantelo en perfectas condicións.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou aos traballadores e intercambiou opinións co responsable de Xardinería, José Mariño, quen explicou que a limpeza efectúase con tódolos medios manuais e mecánicos adecuados e unha malla de protección para evitar calquera risco de danos, por impacto da grava nos vehículos aparcados.
Toda a broza retirada estase a depositar provisionalmente nunha parcela municipal e, posteriormente, será retirada e tratada polos operarios da Fundación Xoán XXIII.
Andrés Díaz aplaudiu a calidade do traballo desenvolvido e destacou que na brigada mesmo hai dous mozos de Ponte Caldelas, polo que este tipo de acordos, ademais de propiciar a inserción laboral de persoas vulnerables, tamén contribúen a xerar emprego entre a veciñanza.
A sección de Xardinería da Fundación Xoán XXIII mantén este tipo de convenios, dentro desta contorna, cos concellos de Ponte Caldelas, Pontevedra, Poio e Marín.