Bueu e Tragove foron os portos que máis aceite usado recolleron na provincia
Por Redacción
Os portos de Bueu e Tragove (O Grove) recolleron o pasado ano 12.000 e 14.000 quilos de aceite.
Portos de Galicia recolleu durante o pasado exercicio 850.000 quilos de aceites residuais a través do programa Marpol de recollida de hidrocarburos usados nos peiraos de titularidade autonómica. Así se recolle no informe presentado polos responsables deste servizo a través do que se recuperan e reciclan os aceites residuais que se verten nos portos para a súa reutilización.
Portos de Galicia atribúe o éxito da medida á colaboración e concienciación do sector profesional, ao que o ente público agradece a súa participación nesta iniciativa para a mellora colectiva.
O peirao no que se recuperaron maiores cantidades de hidrocarburos foi o da Pobra, con 230.000 quilos.
Na provincia de Pontevedra, os peiraos con mellores resultados neste programa foron os de Tragove e Bueu.
O servizo implica, por unha banda, a recollida directa nos buques dos produtos e, por outra, a instalación de contedores para recollida e almacenaxe temporal nos portos, baleirado dos mesmos, transporte á planta autorizada e preferentemente reciclaxe e valorización dos medios. Cando isto último non é posible procédese á súa eliminación.