A Deputación financiará a renovación da vía da praia de Aguete
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres un novo investimento para Marín con cargo á Liña 1 do Plan Concellos de 2019. En concreto, serán 136.523,91 euros cos que o concello de Marín poderá financiar a renovación da vía da praia en Aguete. No ano 2019 a institución provincial pon a disposición de Marín ao través do Plan Concellos un total de 1.071.393,22 euros, un 3,35% máis que no 2018.
Máis polo miúdo, a actuación vaise rehabilitar superficialmente o firme da calzada no tramo da vía adxacente á praia do paseo marítimo de Aguete, corrixindo así as deficiencias de regularidade superficial mediante técnicas combinadas de eliminación, fresado e reposición da capa de rodaxe.
Ademais, a obra tamén inclúe a adaptación dos rexistros dos servizos municipais e sumidoiros á nova rasante, repintarase a sinalización horizontal e complementarase a sinalización vertical existente. En total, a superficie de actuación será dunha lonxitude de 1.064 metros.
Co Plan Concellos 2019, Marín xa recibiu a través da Liña 1 de investimentos financiación para a pavimentación da Rúa Alcalde Ezequiel Massoni, cun investimento de 132.139,19 euros, e para a renovación dos servizos na rúa do Tombo, por importe de 172.248,57 euros.