Pavimentan un novo camiño no lugar de Barro dentro da mellora da rede viaria de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Tras os últimos traballos, xa se atopa rematada a mellora integral da rede viaria interna no lugar de Barro, no Concello de Cerdedo-Cotobade. O presidente do municipio Jorge Cubela visitaba durante as últimas horas esta zona para comprobar a pavimentación do novo camiño de acceso ao interior do núcleo urbano desta aldea.
Esta obra de pavimentación dun acceso de ao redor de 100 metros de lonxitude non se atopaba dentro do proxecto inicial, pero foron os residentes nesta contorna quen solicitaron ao goberno local estes traballos de mellora.
Co primeiro proxecto acometeuse o formigonado de toda a trama interna de pistas e camiños, instaláronse canalizacións de augas cubertas nos puntos de paso e montáronse caixas de rexistro para favorecer a recollida de augas pluviais e evitar as escorrentías neste lugar da parroquia de Cerdedo.
O proxecto conta cun investimento de 120.000 euros e englóbase no lote de obras que se realizaron en Chamadoira con mellora de pavimentacións e construción de muros de contención.