Escolares do Colexio San José visitan PontevedraViva para coñecer como funciona un medio dixital
Por Redacción
Durante dúas sesións ao longo desta semana, máis dun cento de escolares dos seis cursos de Primaria, con idades comprendidas entre os 6 e os 11 anos, pasaban polas instalacións de PontevedraViva, interesados en coñecer o funcionamento dun medio de comunicación dixital.
Os xornalistas Marisa Ciordia, Diego Espiño e Mónica Patxot explicaron aos estudantes como se realiza o traballo periodístico a través da busca de novas, a cobertura de roldas de prensa e de eventos deportivos ou a realización de entrevistas radiofónicas.
Os pequenos sorprenderon os xornalistas coas súas ocorrencias ao preguntar se hai unha persoa que é a encargada de chamar a redacción para transmitirlles todas as informacións ou se os xornalistas contan mentiras.
Todos amosáronse ilusionados ao sentarse ante os micrófonos de PontevedraViva Radio e alí comprobaron como se escoitan as súas palabras a través dos auriculares. Os alumnos dos cursos máis avanzados realizaron preguntas a Marisa Ciordia sobre cuestións relacionadas coa parte técnica e moitos recoñecían escoitar a radio online a través de dispositivos móbiles. Se cadra, en breve, estes estudantes protagonizan algunha divertida tertulia.