Marín programa as actividades do próximo semestre coa Banda de Música
Por Oskar Viéitez
Os concelleiros de facenda e cultura Manuel Santos e María José de Pazo reuníronse este mércores cos responsables da Asociación MusiMarín, que integran a Banda de Música de Marín, para planificar as actividades deste primeiro semestre do ano.
O concello colabora con este colectivo desde que formaban parte do Ateneo Santa Cecilia como Agrupación musical, permitíndolles manter as súas clases e ensaios na casa principal da Finca de Briz e outros espazos. Isto permitiu que puidesen traballar nunha contorna cómoda, evitando ter que pagar un aluguer ou provocando molestias aos veciños.
No ano 2017 produciuse a escisión da Banda do Ateneo Santa Cecilia e creouse a Asociación MusiMarín.
O pasado ano o goberno local decidiu aumentar a achega do Concello a 14.650 euros pola actividade desenvolta desde a propia Asociación MusiMarín, é dicir, un total de 12 concertos e a organización do Ciclo de Clásica.