Declaran nula a destitución do enxeñeiro xefe responsable de Portos de Pontevedra
Por Redacción
O responsable de Portos de Galicia na provincia de Pontevedra, Mateo Fernández, solicitara unha contratación indefindia, despois de ter pasado 13 anos nunha situación de inestabilidade laboral. Como consecuencia desta petición, Portos de Galicia, un organismo que depende da Consellería de Mar, decidiu despedir ao traballador xustificándoo nunha perda de confianza, segundo se desprende da setenza que obriga ao ente portuario a que este enxeñeiro xefe recupere o seu cargo.
No fallo, o Xulgado do social número 2 de Pontevedra indica que a causa deste despedimento é unha represalia pola demanda interposta previamente e, por este motivo, declárao nulo.
A sentenza proba, segundo o sindicato UGT, que o posto de traballo do xefe da zona sur non é un posto de libre designación. Tanto a Federación galega dos Servizos, Mobilidade e Consumo (FeSMC-UGT) como o afectado presentaran a demanda e agora o traballador deberá ser reposto no cargo profesional que ocupaba no momento en que se producía a súa destitución.
UGT, único sindicato que ten representación en Portos de Pontevedra, anuncia que seguirá a defender os intereses dos traballadores e non consentirá ningún tipo de vulneración de dereitos laborais como o deste caso.