O porto de Marín mellorará o circuito pechado de televisión con máis de cen cámaras
Por Redacción
A Autoridade Portuaria do Porto de Marín e Ría de Pontevedra acometerá durante 2019 un importante investimento en diversas actuacións de mellora da seguridade e control de vehículos e persoas.
A pasada semana as seccións sindicais de CCOO, CXT, CIG, UXT e o Sindicato de Policías e Bombeiros ( SPPLB) da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra denunciaron un "incremento alarmante da inseguridade" durante os últimos anos nas instalacións e atribuírono a cuestións como a falta de persoal e medios suficientes na policía portuaria e a outros factores como o mal funcionamento do circuíto pechado de televisión, a falta de formación específica ou a falta de coordinación con outras Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Recentemente finalizou a redacción do proxecto que sairá a licitación en breve para incrementar o número de unidades e a cobertura do circuíto pechado de televisión. Durante o exercicio de 2018 estívose deseñando un novo sistema de CCTV (circuíto pechado de televisión) e control de accesos ao Porto. Para iso analizáronse sistemas de última tecnoloxía tanto en software como hardware cuxa instalación se realizará durante o presente exercicio.
Hai que destacar, polos seus coñecementos e experiencia, a colaboración dunha parte importante do persoal da policía portuaria xunto cos técnicos para o deseño do novo sistema que permitirá ampliar a máis dun centenar o número de cámaras distribuídas polo recinto portuario e mellorar así a cobertura do circuíto.
Cun orzamento superior a medio millón de euros instalaranse novas cámaras dixitais de alta resolución con mellor rango dinámico para evitar deslumbramientos e optimizar a visión en condicións adversas. Tamén se incorporarán novas funcionalidades para incrementar a facilidade para o seguimento de vehículos nos diferentes viarios ou a localización máis eficiente de persoas e vehículos nas imaxes do CCTV.
Os investimentos previstos en seguridade completaranse coa mellora do control de accesos ao porto, axilizando o sistema de acreditacións de acceso de vehículos e persoas ao recinto portuario, o equipamento do sistema e a mellora dos controis para evitar accesos non autorizados.