A Xunta e o Concello manterán un encontro para revisar a propiedade do edificio do CEIP Vidal Portela
Por Redacción
O xefe territorial de Educación César Pérez Ares comprometeuse a manter nas vindeiras semanas unha xuntanza coa concelleira de Educación, Carmen Fouces, para analizar os datos sobre a propiedade do edificio do CEIP Manuel Vidal Portela, que hai anos acollía á Escola de Maxisterio e posteriormente á facultade de Ciencias da Educación. César Pérez Ares indicou que, unha vez que se coñeza quen é o actual propietario, o Concello poderá reclamar a titularidade e cederlla posteriormente á Consellería de Educación.
No momento en que a Consellería se faga cargo da titularidade do centro, o xefe territorial de Educación afirmou que se poderán executar reformas de carácter máis profundo con melloras na eficiencia enerxética.
Estas declaracións eran realizadas durante a visita que Pérez Ares mantiña co delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, para comprobar este xoves a finalización das obras nos aseos deste centro. Reformáronse dous baños e creouse un aseo para persoas con problemas de mobilidade. O investimento ascende a 26.000 euros.Á visita tamén asistiron os directores do colexio e da escola de adultos (EPAPU Río Lérez).
Nos últimos anos, a Consellería de Educación invistiu no CEIP Vidal Portela máis de 161.000 euros para reparar a fachada, coa instalación dunha placa para cubrir o antigo escudo de época franquista, reformar a aula de informático ou a mellora da iluminación.
A vindeira obra que se executará neste centro será nos baños do piso superior, onde tamén se instalará outro aseo para persoas con mobilidade reducida e se reformarán os baños actuais.
Cores Tourís indicou que a Consellería investiu máis de 7,3 millóns de euros en centros de Primaria e Secundaria da cidade como, entre outras, a ampliación do CIFP Carlos Oroza, o cambio de cuberta do IES Sánchez Cantón e do Torrente Ballester, a ampliación do CIFP A Xunqueira, a rehabilitación do CEIP Campolongo e do Vilaverde en Mourente, ademais de obras de mellora no CEIP Froebel.