Medio Ambiente completa o centro de fauna de Carballedo con novas estancias para aves
Por Redacción
Máis de 203.000 euros. É o que investirá a Xunta de Galicia na segunda fase das obras do centro de recuperación de fauna salvaxe de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade. Apenas dous meses despois da súa inauguración, habilitaranse novos espazos para o coidado das aves, que supoñen o 88% do total de animais atendidos nestas instalacións.
Esta actuación atópase en fase de licitación e xa se pechou a recepción de ofertas empresariais. Na actualidade, os servizos técnicos están baremando as propostas recibidas.
As obras proxectadas completarán a instalación e consistirán na construción dun túnel de voo para paxaros e de instalacións para a recuperación de aves acuáticas e na urbanización da parcela e dos accesos rodados para dar servizo a todo o complexo.
Estes traballos, que están cofinanciados ao 80% polos fondos Feder, executaranse nun prazo estimado de cinco meses.
O túnel de voo, que terá unha superficie de 278 metros cadrados, situarase ao fondo da parcela nas proximidades das estancias dos animais e terá unha cuberta e laterais con paneis perforados. Será usado para aves como o miñato, o azor ou o gabián que deben practicar o voo antes de ser devoltas á natureza.
Por outra banda, a zona de recuperación de aves acuáticas, de 125 metros cadrados, consistirá nun patio con zona de baño e seis pequenas piscinas adaptadas á entrada e saída dos paxaros. Tamén se configurará cunha construción lixeira pechada polos laterais e cunha cuberta con paneis perforados e estará ao carón do túnel de voo.
Este recinto servirá principalmente para gaivotas, lavancos, garzas reais e mascatos, que precisan de zonas inundadas para concretar os seus procesos de recuperación.
Relacionadas:
-
A Xunta amplia o equipamento do Centro de fauna salvaxe de Cercedo-Cotobade
Por Redacción |
-
A ampliación do centro de recuperación de fauna silvestre estará feita a final de ano
Por Redacción |
-
O novo centro de recuperación de fauna silvestre estará en funcionamento a finais do verán
Por Redacción |
-
O centro de recuperación de fauna de Carballedo xa está en construción
Por Redacción |