O Concello remata a mellora da rede viaria interna de Chamadoira
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar as obras de mellora integral da rede viaria interna do lugar de Chamadoira, unha actuación bastante complexa coa que se pretende corrixir a afección constante das augas de escorrentía polas pistas deste lugar de Cerdedo a causa da forte pendente existente e mellorar a mobilidade.
Con motivo desta mellora, o presidente municipal, Jorge Cubela, achegouse a primeira hora da mañá ata a zona xunto con traballadores municipais para comprobar o resultado final deste proxecto despois de que visitara o comezo do mesmo e perfilara certos detalles sobre o terreo a finais de novembro.
As obras consistiron, tras o levantamento de catro grandes muros de contención en pedra e mampostería orientados ao reforzo da seguridade, no saneamento das calzadas, a realización de certos traballos de ensanchamento nos puntos nos que foi posible respectando o emprazamento das vivendas, a instalación de canalizacións e grellas de paso e, finalmente, a renovación de toda a capa de rodadura cun formigonado de última xeración.
Este proxecto, realizado en mes e medio, contou cun investimento de 120.000 euros ao abeiro do Plan de Vías Municipais 2018-2019 e estaba recollido nun lote de obras que tamén acometeu o formigonado completo e a dotación de recollida de pluviais nos camiños interiores de Barro.
Nesta visita, Cubela valorou moi positivamente o traballo realizado, "xa que a obra quedou en inmellorables condicións e servirá para guiar as augas salvando as fortes pendentes, garantir a seguridade nunha zona orograficamente complicada e favorecer a mobilidade de vehículos e dos propios veciños en todo o interior da aldea".
Ademais, anunciou que nas vindeiras semanas arrancarán bastantes obras, como as pavimentacións en San Xurxo, Cutián, Viascón e Santa María (160.575 euros), pavimentacións, cunetas e canalizacións nas Lagoas, Carballedo, Valongo, Famelga e Loureiro (145.650), mellora de camiños en Loureiro, Vilar, Pozo Negro, Costa, Parada de Tenorio e Vila de Abaixo (121.000), obras en Esbarrela, capela de San Antonio, Vilar, Viduído e Vilarchán (120.602), mellora viaria en oito pistas de Tenorio, Calvelo e Parada (250.000), ensanchamento interno en Vilanova (45.000) e ensanchamento do Camiño do Quinteiro, en Tomonde (100.481).