Un empregado dunha empresa de Pontevedra, condenado por gravar os seus compañeiros no baño
Por Natalia Puga
O Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra condenou un ex empregado dunha empresa da cidade que instalou no baño mixto do seu centro de traballo unha cámara para gravar imaxes dos seus compañeiros no momento no que utilizaban o aseo.
O home, de 34 anos, foi diagnosticado de trastorno de voyeurismo que, en todo caso, segundo recolle a sentenza, "non altera a súa capacidade intelectual" e limita "moderadamente" as súas facultades volitivas. A pesar de ser coñecedor das súas inclinacións neste sentido, realizou voluntariamente as accións polas que foi condenado de forma prolongada no tempo.
O xa condenado recoñeceu os feitos e aceptou un acordo de conformidade que acabou en sentenza condenatoria a un ano de prisión como autor dun delito contra a intimidade das persoas. O fallo ditado polo maxistrado Miguel Aramburu recolle que se acorda a suspensión desta pena, de modo que evitará o ingreso entre reixas a condición de que non delinca durante dous anos.
A sentenza, que xa é firme e non admite recurso, tamén lle impón o pago dunha multa de 4.500 euros (15 meses cunha cota de 10 euros día).
Os feitos ocorreron a principios do ano 2017 e, para recoller imaxes dos seus compañeiros, o agora condenado elaborou un dispositivo en forma de petaca que integraba unha micro cámara apta para a captación de imaxes de vídeo, un micrófono, unha batería, unha tarxeta de memoria e un interruptor para accionar a micro cámara.
A resolución xudicial considera probado que en varias ocasións colocou este dispositivo de forma oculta na parte inferior do lavabo do cuarto de baño mixto que hai na empresa "coa finalidade de menoscabar a privacidade dos seus compañeiros e compañeiras de traballo", captando imaxes de vídeo no momento en que uns e outros utilizaban o aseo.
A última ocasión en que o fixo foi o 17 de xullo de 2017. Ese día colocou o dispositivo gravador debaixo do lavabo, adherido ao mesmo con cinta illante e co obxectivo da cámara orientado cara ao inodoro, accionando o interruptor para que comezase a gravar e abandonando seguidamente o lugar. A cámara captou imaxes de varias persoas que accederon ao baño no momento en que facían uso do mesmo durante polo menos 55 minutos, ata que o descubriu unha empregada. Ese mesmo día, unha responsable da empresa denunciou os feitos.