Ponte Caldelas adquirirá unha parcela para crear 300 novas prazas de estacionamento
Por Redacción
Os comuneiros de Cuñas aceptaron a oferta do Concello de Ponte Caldelas para construír un gran aparcamento municipal con 300 prazas ao carón da rúa Valdarrosa, na subida ao instituto.
A Comunidade de Montes de Cuñas acordou nunha asemblea aceptar a oferta municipal para adquirir unha parcela de máis de 3.000 metros cadrados por un prezo de 49.000 euros.
Segundo deu a coñecer o Concello, a finca está cualificada como solo dotacional, polo que carece de valor residencial e a súa adquisición realizarase polo procedemento de expropiación a prezo pactado.
O equipo municipal formalizará o trámite o próximo mes, utilizando o remanente despois de liquidar o Orzamento municipal de 2018, aínda en vigor.
A parcela será dedicada integramente a aparcamento. O Concello urbanizará a propiedade e os seus accesos, dotándoa dun muro para nivelar o terreo a dous niveles, incluíndo iluminación e elementos ornamentais.
O Concello destaca que a creación destas 300 novas prazas de aparcamento no camiño da Valdarrosa, xunto con outras 200 cando se reforme a avenida de Vigo (rúa do Balneario), suporá un gran avance na mobilidade rodada en Ponte Caldelas, reforzando notablemente a oferta de estacionamento. O Concello cumpre tamén así cos compromisos alcanzados cos comerciantes locais.