Unha exposición e xornadas informativas para "sacar de debaixo da alfombra" as diversidades psíquicas
Por Redacción
A organización de xestión cultural Taller Abierto porá en marcha unhas xornadas informativas sobre Saúde Mental en Pontevedra, que contan co apoio do Concello de Pontevedra e de Afundación.
Dentro deste evento está prevista a inauguración o 25 de xaneiro no Café Moderno dunha exposición artística de Urza, un escultor madrileño que reside desde hai anos na Coruña e que utiliza un texto de Samuel Beckett, 'Fóra todo o estraño' como base para amosar sensacións de anguria vital a través de autorretratos coa idea de ofrecer a diversidade psíquica.
Tamén no Café Moderno se levarán a cabo os relatorios previstos nestas xornadas. Os días 29 e 30 de xaneiro, ademais do 5 e 6 de febreiro, a partir das 19.00 horas, van desenvolverse conferencias a cargo de diversos especialistas sobre psiquiatría e psicoloxía.
• 29 de xaneiro: 'Un percorrido polo panorama actual da saúde mental', a cargo de Ramón Area. Psiquiatra, traballa nunha unidade de rehabilitación psicosocial en Santiago e é presidente da Asociación Galega da Saúde Mental (AGSM-AEN).
• 30 de xaneiro: 'Relación entre saúde mental e arte'. Art Brut. Antón Cascais, psiquiatra no Hospital de Piñor de Ourense e Alcira Cibeira, psiquiatra do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
• 5 de febreiro: 'Enfermidade mental e muller'. Julia Fraga. Psiquiatra. Máster en Terapia familiar e formación en Psiquiatría psicodinámica e facultativa especialista de área no Centro de Saúde Mental Taboada Leal do CHUVI. Neste caso trátanse situacións especiais das mulleres, que naglúns casos se atopan relacionadas coa violencia de xénero.
• 6 de febreiro: 'Estigma, exclusión social e saúde mental'. Manuel Arrojo. Facultativo especialista de área no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Este mércores, a concelleira de Benestar Social Anxos Riveiro, acompañada por África Martínez, de Taller Abierto e de Paloma Vela, de Afundación, presentaban estas xornadas, que están abertas a todo o público que queira asistir.