Absolven por falta de probas os acusados dun altercado na casa do 'rei dos xitanos'
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra absolveu por falta de probas a todos os acusados nun xuízo celebrado este mesmo mércores por un incidente violento rexistrado na vivenda de Olegario Giménez, coñecido como 'rei dos xitanos', na localidade de Tomiño en abril do ano 2014. Tan só un deles resultou condenado, pero non polo altercado en si, senón por conducir borracho ata alí.
No banco dos acusados sentaron catro persoas presuntamente implicadas no incidente e todos resultaron absoltos. Trátase de dous dos fillos do dono da casa e patriarca do clan dos Moróns, Saúl e Juan Paulo Giménez; un axente forestal, Antonio P.G.; e un garda civil, José Antonio P.G.
O xuízo, previsto para as 9.30 horas, celebrouse a partir das 10.00 horas e resolveuse en apenas 15 minutos coa absolución de todos eles no relativo á pelexa e a condena de José Antonio P. G. por un delito contra a seguridade viaria. O fiscal acusábao, e así o condenou xa o xuíz, por conducir baixo os efectos das bebidas alcohólicas xusto antes do incidente en Tomiño. Coa conformidade do propio acusado, foi condenado á suspensión do permiso de conducir durante oito meses e o pago dunha multa de 720 euros (seis meses a 4 euros diarios).
Juan Paulo Giménez xa abandonou o banco nos momentos iniciais da vista oral porque a Fiscalía non formulaba acusación contra el, tan só os avogados dos outros dous acusados e estes anunciaron nada máis empezar o acto do xuízo a súa intención de retirar a acusación.
O fillo de Olegario Giménez levantouse do banco dos acusados e os outros tres continuaron, pero tan só por uns minutos, pois os tres acolléronse ao seu dereito a non declarar contra si mesmos, o fiscal renunciou á declaración de varias testemuñas non se presentaron nos xulgados e os dous que si compareceron tamén se acolleron ao seu dereito a non testificar alegando que son familiares dun dos acusados. Trátase da esposa e un dos netos de Olegario Giménez. O propio patriarca estaba citado como testemuña, pero non compareceu por atoparse enfermo.
O fiscal do caso, Santiago Miguel Cruces, mantivo a acusación contra os tres procesados aos que el sentou no banco, aínda que pediu aplicar a circunstancia atenuante da responsabilidade criminal de dilacións indebidas porque o caso tardou máis de catro anos e medio en chegar a xuízo a pesar de que a instrución por este tipo de delitos non adoita resultar complexa. Terminada a vista, o xuíz decidiu absolverlles ao considerar que non se expuxeron probas de cargo suficientes durante o acto do xuízo para desvirtuar a súa presunción de inocencia.
O maxistrado, Juan José Trashorras, argumentou na sala que condenaba a José Antonio P. G. polo delito de tráfico e absolvía a todos polo resto de delitos dado que os acusados e as testemuñas non declararan, só había como proba un parte de lesións por estes feitos, proba "insuficiente para determinar que se produciron os feitos" tal e como se expuxeron no escrito de acusación.
O xuízo celebrouse entre fortes medidas de seguridade e coa presenza de varios familiares dos Moróns, entre eles, o autodenominado príncipe dos xitanos, Sinaí Giménez. Unha vintena de axentes da Policía Nacional das comisarías de Pontevedra e Vigo desprazáronse ata os xulgados da Parda desde primeira hora da mañá para garantir a seguridade e evitar posibles altercados.
Estableceron un cordón policial no acceso ao edifico xudicial e identificaron a todas as persoas con intención de asistir á vista oral. Os xornalistas interesados en cubrir o xuízo necesitaron acreditación previa. Finalmente, todo celebrouse sen ningún incidente.
A Fiscalía sostiña que os dous axentes acudiron á casa do 'rei dos xitanos' para cobrar unha débeda económica previa contraída por un dos seus fillos e, á súa chegada, outro dos seus fillos, Saúl Giménez, presuntamente golpeou ao axente forestal. O garda civil reaccionou, segundo o fiscal, ameazando cunha pistola ao patriarca e o axente forestal golpeando á esposa de Olegario.
A Fiscalía solicitaba que os acusados fosen condenados a un ano e medio de prisión, o axente forestal e Saúl Giménez Jiménez por un delito de lesións e o garda civil por ameazas, a maiores do delito contra a seguridade viaria.
Relacionadas:
-
O primoxénito de "Los Morones", a xuízo por un tiroteo nunha pedida de voda de "Los Zamoranos"
Por Redacción |
-
Os xulgados da Parda blíndanse polo conflicto entre 'Morones' e 'Zamoranos'
Por Redacción |
-
Sinaí Giménez e parte da súa familia, a xuízo este mes por agredir un avogado e seis gardas civís
Por Natalia Puga |