O CHOP pon en marcha unha Unidade de Atención ao Paciente
Por Redacción
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) pon en marcha unha Unidade de Atención ao Paciente para informar e tramitar o documento de instrucións previas que suporá ampliar as posibilidades reais de tramitar este documento, que ata o de agora só se xestionaba na Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade de Pontevedra.
O documento de instrucións previas recolle de xeito reglado a vontade anticipada dunha persoa maior de idade, capaz e libre, sobre os coidados e tratamentos que podería precisar no futuro e sobre o destino final do seu corpo, co fin de que esta intención sexa coñecida e respectada no momento en que non teña capacidade para manifestala.
A partir de agora calquera persoa maior de idade capacitada e libre pode xestionar este proceso na Unidade de Atención ao Paciente ou ben informarse a través dos teléfonos 986.808315 do Hospital Provincial e 986.800562 do Hospital Montecelo.
Co apoio técnico da Unidade de Atención ao Paciente, o proceso para tramitar o documento de instrucións previas ten agora nesta comarca máis facilidades para a súa formalización. Tamén se pode formalizar ante notario, pero o persoal do Rexistro Galego de Instrucións previas da unidade habilitada no CHOP achega todo tipo de asesoría e información ao respecto deste proceso persoal.
A finalidade deste Rexistro -suxeito ás debidas precaucións de seguridade e confidencialidade- facilita o coñecemento da existencia do documento de instrucións previas aos profesionais que prestan a asistencia sanitaria, así como a consulta do dito documento chegada a situación en que sexa necesario telo en conta.
Na actualidade, este Rexistro xestionado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ten un total de 2.673 residentes na provincia de Pontevedra rexistrados, sendo no conxunto de Galicia 8.330 persoas as incluídas. No caso da provincia de Pontevedra, a cifra de inscricións duplicouse con respecto aos datos de 2015, cando había 1.257 documentos de instrucións previas rexistrados.
Co fin de garantir a súa eficacia en todo o territorio nacional, o Rexistro Galego de Instrucións Previas está interconectado co Rexistro Nacional, onde se recollen as instrucións previas inscritas nos distintos rexistros autonómicos.