O paro en Moraña baixou en 68 persoas durante o último ano
Por Redacción
Case 1.500 afiliacións á Seguridade Social e a creación de 1.700 contratos laborais son cifras que o Concello de Moraña presentou este martes en relación aos datos económicos, industriais e de emprego durante 2018.
A alcaldesa Luisa Piñeiro sinalaba a baixada interanual do paro en máis dun 19%. O ano comezaba con 355 persoas nas listas de desemprego e rematou con 287. En total, 68 persoas atoparon traballo e o goberno local sinala que cando en 2015 comezábase a saír da crise había485 veciños desocupados, de forma que a baixada nestes últimos anos achégase ao 41%.
Piñeiro indicou que o informe económico en que se recollen estes datos atópase vencellado ao programa 'Doing Bussines' da Xunta de Galicia. Moraña sumouse a esta iniciativa en abril de 2018 coa intención de impulsar a creación de emprego e de riqueza no municipio.
A alcaldesa afirma que xa se viña ofrecendo unha boa dinámica pero a integración como Concello Emprendedor con baixa fiscalidade, especialmente para empresas, está permitindo que se recupere o mercado laboral e a actividade económica.
O goberno local tamén amosa a súa satisfacción polas oito sociedades mercantís creadas en 2018 e o progresivo crecemento de xeración de empresas durante este mandato logrando un total de 21, que sitúa a Moraña como un Concello que supera as 300 industrias e negocios.