A Deputación inicia as obras de renovación da cuberta do patio de xogos do CEIP Príncipe Felipe
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de iniciar este martes as obras de mellora e renovación da cuberta do patio de xogos do CEIP Príncipe Felipe. A actuación supón un investimento duns 46.000 euros e os traballos, que tamén inclúen a substitución dos canlóns de recollida da auga da chuvia, deberán estar rematados a mediados do mes de febreiro.
Segundo explica a deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, estas actuacións no CEIP inclúense no plan de mantemento que a Deputación está a desenvolver de forma programada na cidade infantil co fin de solucionar as deficiencias históricas dos edificios existentes. Continúanse deste xeito as reformas integrais xa realizadas nas cubertas do edificio de Maternais e da Escola Fogar (nas que se investiron preto de medio millón de euros) e que seguirán co proxecto para a mellora do illamento exterior do edificio do centro de acollida Agarimo, a piques de saír a licitación.
A cubrición do patio exterior do colexio de Príncipe Felipe estaba formada por placas translúcidas e presentaba un estado de deterioro moi avanzado.
A deputada delegada Eva Vilaverde afirma que o inicio destas obras no CEIP é "unha mostra máis do labor de mellora e modernización das instalación de todo o recinto de Príncipe Felipe, que pretende romper coa situación de abandono e de falta de investimentos herdada de anos anteriores".
Relacionadas:
-
A Deputación repara as fachadas do Centro Agarimo e do Centro de Educación Especial en Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
Comisións Obreiras xustifica as baixas de varios traballadores no frío que se pasa no Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras reprocha a lentitude coa que se están a solucionar os problemas no Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |