O PSOE pide retomar de forma urxente o debate sobre a ordenanza de mobilidade
Por Redacción
O accidente protagonizado nos últimos días por un patinete eléctrico volveu reabrir o debate sobre a necesidade de regular o uso deste tipo de vehículos de mobilidade persoal (VMP) en Pontevedra e de retomar o debate sobre a ordenanza municipal de mobilidade. Este martes deu a coñecer a súa postura o PSOE, que esixe ao goberno local que ordene canto antes o uso dos diferentes tráficos nas vías da cidade.
Os socialistas lembran que esta ordenanza foi unha das súas primeiras reivindicacións ao inicio do actual mandato municipal no ano 2015 e, con todo, "a convivencia entre peóns, bicicletas, patíns e coches, entre outros vehículos, segue a ser unha das asignaturas pendentes" de Pontevedra.
"Lonxe de solucionarse o problema, o incremento dos vehículos asociados á mobilidade sostible da cidadanía, fundamentalmente bicicletas e patíns eléctricos, ten acrecentado as situacións de conflito e as dificultades de convivencia entre os diferentes tráficos", lembra o concelleiro Iván Puentes.
Puentes asegura que durante o pasado Nadal houbo percances semanais, afortunadamente leves, que confirman a necesidade urxente de contar cunha ordenanza que regule claramente esa convivencia entre os diferentes tipos de mobilidade. Na súa opinión, "é hora de que o BNG pase da propaganda aos feitos" e de que a ordenanza de Mobilidade Amable, que levan anunciando dous anos, sexa sometida xa a debate cos grupos políticos e a cidadanía para poder ser aprobada antes de que remate o mandato.
O PSOE solicitou na Comisión de Mobilidade celebrada este luns que o concelleiro César Mosquera fixe un prazo claro para aportar suxestións ao borrador de ordenanza.
Relacionadas:
-
Pontevedra non ve "ningunha posibilidade" de autorizar os patinetes polas beirarrúas
Por Alejandro Espiño |
-
Pedaladas recomenda non usar patinete eléctrico nas rúas de Pontevedra ata que se actualice a ordenanza de mobilidade
Por Redacción |
-
Ferida a condutora dun patinete eléctrico ao chocar contra un turismo
Por Oskar Viéitez |