O Concello colabora coa veciñanza da Insua para a mellora da súa Casa do Pobo
Por Redacción
A Casa do Pobo da Insua, unha das máis activas do municipio, beneficiouse da colaboración entre a veciñanza da parroquia e o Concello de Ponte Caldelas. Así, nos últimos días, realizáronse obras de acondicionamento no exterior e tamén de instalación dun pavimento definitivo no soto do edificio.
O inmoble, que é de propiedade veciñal, dispón agora dun pavimento de formigón pulido que pon fin á provisionalidade do soto, que ata o de agora era un espazo sen utilidade. Ao comezo do mandato municipal xa foi necesario realizar a instalación dunha tubaxe de drenaxe pola técnica do topo baixo a estrada autonómica. Púxose fin deste xeito aos asolagamentos, que mesmo alcanzaban o nivel do teito.
Agora, despois dun tempo no que se comprobou a eficacia da drenaxe realizada, aplicouse un pavimento definitivo, ao tempo que se impermeabilizaron as xuntas das paredes.
A veciñanza ten intención de construír unha cociña nunha parte do soto, reforzando así o carácter da Casa do Pobo como centro da vida comunitaria para a veciñanza de todos os lugares da parroquia da Insua.
Ao mesmo tempo, o Concello colaborou cos veciños en varias actuacións exteriores, consistentes nun muro de contención na rampla de baixada ao soto e tamén de explanación nunha esquina da finca para maximizar as posibilidades de aparcamento. Finalmente, colocouse unha reixa para mellorar a seguridade na parte posterior do edificio, impedindo con este elemento o paso dos cativos.
O Concello caldelán, gobernado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, está a facer unha aposta pola mellora da rede de casas do pobo. Ao longo do actual mandato municipal realizou máis dunha ducia de obras de mantemento, así como a construción da de Regodobargo, a ampliación da da Roca e, finalmente, tamén ten en proxecto a nova casa do pobo de Tourón.