Mellora do viario que comunica Pontevedra con Vilagarcía e Cambados á altura de Baión
Por Redacción
A Consellería do Medio Rural está a executar obras na rede de viarios da reestruturación parcelaria e este luns o director xeral de Desenvolvemento Rural, miguel Pérez Dubois e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís visitaba as obras que se realizan en Baión, acompañados polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán.
O obxectivo dos traballos que se acometen nesta zona é incrementar a accesibilidade a Baión, a través da reforma do Camiño Francés, que sirve de conexión entre as estradas que van de Pontevedra a Vilagarcía e de Pontevedra a Cambados.
A intención da Xunta de Galicia é ampliar e recuperar este viario. O orzamento ascende a máis de 1,6 millóns de euros e as obras rematarán antes de finais de 2019.
Estes traballos enmárcanse dentro do proceso de reorganización territorial da Consellería do Medio Rural, que beneficia a 1.052 propietarios de 6.194 parcelas. A aportación total é de 20,5 millóns de euros.