Reparan a beirarrúa da PO-551 á altura da Escola Naval
Por Redacción
Durante estes días están a acometerse obras de mantemento e reposición dun tramo de beirarrúa comprendido entre a entrada ao pavillón da Escola Naval e a baixada á praia de Portocelo.
A beirarrúa atopábase en mal estado con moitas baldosas rotas e que se movían, o que dificultaba o tránsito peonil.
O obxectivo da mellora é convertela nunha senda lisa, cun acabado en ocre.
A empresa Nexia é a encargada de levar a cabo estes traballos que espera ter finalizados a finais deste mes.
MELLORAS EN CANDÓNS
O Concello de Marín canalizou as augas pluviais no lugar de Candóns, construíndo unha cuneta de formigón e á vez alargando a estrada co que facilita moito o paso que comunica os núcleos de Cadrelo, Pereiro, Silvestre e Troncosa co Iglesario, o campo de fútbol e o cemiterio da parroquia.
Tamén se aproveitou para facer unha base de contedores con suxeición para evitar que se despracen co vento.